Monday 29 de April de 2024

O CPETIG E Amtega organizan o “Scratch Day”, unha xornada para achegar as posibilidades da programación informática a nenos, pais e formadores


Terá lugar o 10 de outubro na Cidade da Cultura e está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 15 anos

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organizará o vindeiro día 10 de outubro o evento “Scratch Day” no que os participantes poderán acceder de forma lúdica e divertida ao mundo da programación, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.

O CPETIG quere outorgarlle a este acontecemento un carácter familiar, polo que se dirixe fundamentalmente a nenos e nenas de entre 7 e 15 anos, que acompañados dos seus pais, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática.

A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que os nenos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

Ademais, de xeito parello, levarase a cabo tamén unha acción formativa en “Scratch” destinada ao profesorado. Esta actividade servirá como formación presencial dentro do programa “Aprendo programando” incluída no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Obxectivos da xornada
O “Scratch Day”, que terá lugar no salón de convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, ten como obxectivos xerais eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática.

Ademais, con esta actividade preténdense difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital. 

A xornada comezará ás 9.30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10.00 e as 10.30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10.30 e as 13.30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en “Scratch”. A xornada rematará ás 14.00 horas coa presentación dos proxectos.

Formadores
No “Scratch Day” contarase coa participación das asociacións “Programamos”, que impartirá a formación a rapaces e pais, e “Código Octopus”, que contribuirá á formación ao profesorado.
“Programamos” é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.
“Código Octopus” é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta material para aprender a programar en “Scratch” en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de “S4A: Scratch for Arduino”. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.
Todos aqueles que desexen participar no ‘Scratch Day’ atoparán máis información en www.cpetig.org. O CPETIG achegará distinto material que se sorteará entre os asistentes.